Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Vinte e catro clubes deportivos repártense os 175.000 euros da subveción municipal

RR_Noticias

SAR, Choco, e BM Chapela levan as cantidades máis elevadas, ao sumar entre as tres entidades máis de 75.500 euros. O Club de remo de Chapela, o Chapela C.F., e os equipos de fútbol sala Redondela e Arealonga están tamén entre as entidades que reciben unha maior achega, dun total de 24 clubes.

Co obxectivo de fomentar a realización de actividades deportivas, a promoción e desenvolvemento da cultura física no municipio e facilitar a participación da veciñanza redondelá nas competicións deportivas oficiais nas modalidades existentes, a Concellería de Deportes vén de resolver e adxudicar as subvencións correspondentes. O obxecto desta convocatoria é regular o procedemento da concesión de subvencións en réxime de libre concorrencia para todos aqueles que teñan actividade en competicións oficiais. A SAR, na División de Honra Prata feminina e na Primeira Nacional masculina, conta coa maior subvención, 29.409 euros. Séguelle o C.D. Choco, en Terceira División, con 24.000 euros. O Balonmán Chapela recibe 22.174 euros, e o Club de Remo Chapela 16.000. O Chapela C.F. conta cunha subvención do Concello de 12.845 euros e os equipos de fútbol sala Redondela e Arealonga reciben 9.975 e 8.300 euros, respectivamente. Outras das entidades que conta cunha importante achega son o Club Baloncesto Redondela, con 7.271 euros, o
club de tiro con arco Meigarco, que supera os 6.650 euros, mentres que o Campito Fútbol Sala recibe 5.333, a Escola de Ciclismo Redondela 4.155, e o Grupo Casa Paco 81 suma 4.070 euros. Por riba dos 3.000 euros están as subvencións municipais para club Natación Redondela, CAR, C.C.D. Cesantes e Racing Cycling Team. O resto das achegas, ata os máis de 175.000 do total, son para: club Tenis Redondela, Patinaxe Bolboreta, C.D. Cesantes, Petanca San Xoán, Peña Blanco y Negro, C.D. Atlético Villar e Petanca Torre de Babel.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará