Os socialistas redondeláns denuncian a deixadez do PP no que respecta aos apeadoiros da liña ferroviaria no municipio. Poñen de manifesto o mal estado no que se atopan os apeadoiros de Cesantes e a Picota, onde poden observarse pintadas e mobiliario urbano roto.
Desde o PSdeG-Redondela advirten que estes estragos están a ocasionar que a veciñanza que os utiliza acotío para desprazarse a Vigo, Pontevedra ou Santiago, sobre todo no período universitario, “se queixe polo mal estado e abandono de ambos”. Finalmente os socialistas tamén recordan que o PP non só abandona estes apeadoiros no Concello de Redondela, se non que non ten ningún interés polos servizos ferroviarios no Concello. Como exemplo poñen a nova estación de Os Eidos, e culpan “á mala xestión do goberno local” de que careza de frecuencias no transporte de media e longa distancia, e de persoal “pese as numerosas demandas realizadas para solventar ambas cuestións”. Os socialistas afirman que é unha mostra máis “do abandono do PP ao transporte ferroviario”.