Nos próximos días instalarase unha marquesiña na baixada de Comboa que dará servizo aos alumnos da escola de Romariz. Os traballos inclúen diversas revisións e reparacións nas aulas, patios e elementos de recreo.
Os centros de ensino público do Concello de Soutomaior levan varias semanas preparándose para satisfacer as necesidades de profesores e alumnos de cara ao comezo do próximo curso escolar. Os traballos inclúen diversas revisións e reparacións nas aulas, patios e elementos de recreo. A mellora máis destacada é a instalación dunha nova marquesiña destinada a dar servizo aos alumnos da escola de Romariz. A nova marquesiña instalarase na baixada cara á ponte de Comboa e ten como obxectivo aumentar a seguridade viaria dos pequenos peóns nun punto con tráfico elevado ás horas de entrada e saída dos centros escolares, así como servirlles de refuxio ante as inclemencias meteorolóxicas do inverno. Os traballos de actualización realizados inclúen todos os centros municipais de ensino, xa que todas as aulas, zonas de comedor e recreo, así como o resto de instalacións foron revisadas en aspectos fundamentais como a instalación eléctrica, os elementos de iluminación e climatización ou a carpintaría instalada. Ademais destas revisións básicas, en total acondicionáronse case 20 aulas con traballos de pintura, reparación de mobiliario e baños. Os exteriores do C.P.I. Manuel Padín Truiteiro tamén se acondicionaron para preparar a chegada dos estudantes con traballos de roza e limpeza da contorna. Ademais, modificouse a configuración do pavillón de deportes escolar para habilitar dous novos espazos destinados para unha aula especializada e un almacén.