Con esta iniciativa retíranse dos fondos mariños residuos materiais que nunca deberon chegar ao mar mellorando así a seguridade nas augas interiores e impulsando a protección da fauna mariña, que pode ser afectada seriamente pola acumulación de residuos nos fondos mariños. Pola experiencia levada a cabo nos pasados anos, entre os residuos que se acumulan atópanse diversos obxectos como restos de embarcacións, rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos e ata elementos de tipo doméstico. Ademais, nas limpezas anteriores retiráronse restos da propia actividade portuaria que accidentalmente acaban no fondo do mar, como caixas de peixe ou cabos desprendidos de embarcacións atracadas no peirao.
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, levará a cabo a limpeza das dársenas dos portos de Vilanova de Arousa, Meloxo (O Grove), Bueu, Cesantes (Redondela) e Baiona. Esta actuación enmárcase na cuarta fase do plan de limpezas que o ente público puxo en marcha no ano 2013 por primeira vez e que retoma de novo este ano con diversas accións ao longo das vindeiras semanas.
A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto, ben entendido que non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos, que se atopan no leito mariño producidos pola caída accidental dos mesmos ou por outras razóns. Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.
O equipo de traballo que se encargará da limpeza nas dársenas de Pontevedra está formado por 5 mergulladores e como medios mecánicos contarán cun barco con grúa. Ademais, a empresa estará coordinada en terra coa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que terá preparados os contedores para o depósito dos residuos en terra e realizará a súa xestión selectiva.