O equipo senior feminino da División de Honra Prata comeza a liga con novidades. O conxunto de División de Honra Prata incorpora tres novas xogadores ao seu plantel, que servirán para reforzar posicións. O seu obxectivo é tentar igualar o espectacular resultado da pasada temporada, cando remataron cuartas na táboa.
Para conseguilo o equipo contará coas xogadoras Lorena Pérez, procedente do BM Porriño, e Marta Rodríguez, do Tui, ademais do regreso de Xeila Fervenza, que a pasada temporada se proclamou camioa de liga co Mecalia Guardés. As tres incorporacións supoñen unha garantía engadida para o equipo, que mantén o bloque do ano pasado, xa que non sufriu ningunha baixa, como apunta o adestrador, Lisardo Covelo “Chini”. Os excelentes resultados da pasada campaña, na que superaron todas as expectativas coa cuarta praza, engaden “máis presión” ao equipo para esta nova liga. O obxectivo da permanencia marcado para as pasadas campañas queda curto agora, e aspiran a repetir e mesmo mellorar o resultado do pasado campionato. Son conscientes de que non será doado, xa que se trata dunha liga “moi competitiva”, pero “Chini” confía na entrega, o traballo e a ilusión das xogadoras. Empezan a liga cun rival moi forte, o Lanzarote Puerto del Carmen, que a pasada temporada xogou a fase de ascenso logo de rematar segundas do seu grupo seu grupo, por detrás do Adesar Córdoba. Un arranque esixente para as redondelás, que confían en estar á altura. A cita será este domingo, 10 de setembro, ás 12.00 no pavillón da Marisma. No club agardan que a afección se mobilice como xa fixo a pasada liga e mesmo na pretemporada, para arroupar ás xogadoras neste encontro. Pola súa banda o Cies Chapela comeza tamén a liga na casa, ante o Camargo. O encontro coas cántabras será o domingo ás 12.30 no pavillón de Chapela.