O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura organizan unha nova actividade de divulgación do patrimonio e a microtoponimia para a rapazada co obxectivo de divulgar entre a poboación infantil o patrimonio arquitectónico de Redondela, descubrir a súa historia e afondar no coñecemento do territorio e da lingua a través da microtoponimia. A inscrición está aberta ata o 20 de setembro para nenos de entre 6 e 12 anos de idade.
Uns obradoiros que servirán para analizar a forma urbana, o modo de vida e o pasado de Redondela, con contidos de xeografía física e humana que engloban a paisaxe, o territorio e as infraestruturas.
Abordarase nesta actividade aspectos relacionados co asentamento no enclave físico concreto, para ver como a contorna inflúe nos modos de vida e condiciona as construcións, ao tempo que transforma a paisaxe natural. Examinaranse documentos e planos para descubrir a historia dos viadutos, e farase unha exploración activa e lúdica do Camiño de Santiago. En definitiva, un paseo sensorial que analizará a vila, as súas casas singulares, descubrindo as diferenzas tipolóxicas da arquitectura, así como elementos que dan pistas sobre a orixe dos edificios, das familias que os habitaron, o trazado das vías que influíron na configuración de Redondela e as comunicacións co exterior.
Os obradoiros desenvolveranse os días 25, 26 e 27 de setembro, en horario de tarde (de 16:30 a 18:00, e de 18:30 a 20: 00 h), no multiúsos da Xunqueira e en diversas rúas e prazas de Redondela, e están destinados a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.
A actividade é de balde e as prazas son limitadas, polo que cómpre inscrición previa, que se poderá formalizar ata o 20 de setembro no teléfono 986 400 300 ou no correo electrónico normalizacion@redondela.gal.