O conxunto de Iago Fernández comeza a tempada este sábado en terras herculinas fronte “5 Coruña” cun equipo renovado de doce xogadores e co obxectivo de manterse na categoría ao final de tempada. Chegan a unha competición esixente e competitiva pero fano con ilusión e moito traballo detrás.
Dende finais do mes de xullo o Campito F.S axusta o novo equipo que este ano se caracteriza pola súa xuventude. Moitas caras novas que están en torno á vintena como as de Miguel Ángel Docampo, Lucas Domínguez, Cristian Pérez ou Martín Alén pero tamén xogadores que aportarán experiencia como é o caso do porteiro Jorque Cortes, unha das fichaxes estrela deste ano que xa estivo baixo os paus do Leis Pontevedra, Bembrive e Pazos de Borbén. Doce xogadores, que poderían verse reforzados con dúas novas incorporación e cos que o conxunto local encara o reto da Terceira Autonómica na que terán que medirse a conxuntos consolidados e con anos de experiencia como o Pazos de Borbén, o Coruña, Bueu ou Ourense. O adestrador, Iago Fernández, recoñece que é un reto difícil pero o afrontan con ilusión e moito traballo. Cuns xogadores que chegan por primeira vez á Terceira división pero con moita enerxía e expectativas dada a cohesión que amosou o conxunto nesta pretempada. A primeira oportunidade de ver ao novo Campito na pista será este sábado en terras herculinas, até onde viaxarán para enfrontarse ao 5 Coruña. Un rival complicado que remataba a pasada tempada na metade alta da clasificación, como sexto. Para estrearse na casa terán que agardar até o 23 de Setembro, data na que recibirán ao St. Isabel, un equipo que tamén chega este ano á categoría pero que remataba a pasada campaña como campión da Liga Galega Norte. O resto dos equipos locais arrancarán a tempada o 23 de setembro, día no que dará comezo a competición na Autonómica Preferente Sur e o farán fóra da casa. O Redondela F.S visitará o campo do Celado F.S e o Arealonga medirase co Cesures.