A oposición critica a xestión dos lumes e a falta de políticas de prevención por parte da Xunta e o PP reprocha o uso político da traxedia que o pasado 14 e 15 de outubro deixaba en Redondela un dramático balance dunhas 500 hectáreas queimadas nos montes de Ventosela e Reboreda. Uns lumes que provocaron un tenso debate na sesión plenaria de onte na que se aprobou unha moción do PSOE na que reclaman, entre outros acordos, que se convoque de xeito urxente o Consello Forestal Municipal para acadar a información sobre os incendios, que se busquen solucións para evitar novas vagas de lumes e se elabore un futuro plan de reforestación dos nosos montes.
Un debate que acabou nun enfrontamento entre oposición e grupo de goberno sobre as responsabilidades do acontecido. Mentres a oposición acusaba á Xunta de incompetente á hora de xestionar os montes e apagar os lumes, os populares reprochaban o uso político da traxedia. Neste sentido, a voceira do PP Carmen Amoedo aseguraba que a moción dos socialistas estaba chea de falsidades “o único que queren e aproveitar políticamente a traxedia” e apuntaba á man dos incediarios e a unha situación meteorolóxica adversa o elevado número de hectáreas queimadas. Os socialistas insistían na “mala xestión en política forestal e á falta de previsión da Xunta na xestión da crise”. Apuntaba Digna Rivas que “a situación meteorolóxica estaba anunciada malia o cal o goberno galego extinguiu os contratos de case 500 brigadistas dúas semanas antes” e insistía na necesidade de traballar “para corrixir as graves deficiencias no plan forestal e de extinción que xestiona a Xunta”. O edil non adscrito, Enrique Fojo amosaba o seu apoio á moción e facía un chamamento ao concello para que actúe de oficio contra os particulares que non limpan as súas propiedades. Reclamaba tamén unha mellor xestión do servizo de emerxencias e concluía a súa intervención afirmando que “Galicia non arde, queimárona as políticas do PP”. Os nacionalistas criticaban tamén os pasos dados polo goberno de Feijoo na xestión forestal “eliminando as políticas de posta en valor do monte en beneficio do monocultivo do eucalipto e a externalización dos servizos de extinción”. Dende AER amosaron un discurso pesimista porque “a vaga de lumes volverá esquecerse e todo quedará igual” e reclamaron unha implicación de todas as administracións na loita contra os lumes. A proposta do PSOE saíu aprobada cos votos en contra do PP quen xustificaron a súa postura alegando que “264 lumes non se resolven coas medidas propostas na moción”.