Asegura a formación política que a empresa está a incumprir o prego de condicións en cuestións tales como desprazar a outros servizos maquinarias e operarios adscritos ao concello de Redondela, aumentar o ritmo de traballo dos operarios para suplir carencias cando se avaría un vehículo ou non ter posto en funcionamento un punto limpo, tal e como tiñan comprometido no concurso de contratación.
Logo de realizar un seguimento diario de frecuencias, persoal e maquinaria empregada no servizo, explican dende Esquerda Unida que se detectaron unha serie de incumprimentos tales como que Urbaser desprace a outros servizos ( Soutomaior e Moaña) maquinaria e operarios adscritos o contrato do Concello, algo non permitido no prego de condicións.
Aseguran tamén que cando se avaría un vehículo a empresa tarda ata meses en reparalo, o que provoca acumulación de recollidas selectivas e voluminosas e un aumento dos ritmos de traballo para tratar de enmascarar esta carencia.
Engaden que a empresa a pesar de levar ata 10 puntos no concurso de contratación, por poñer como mellora un punto limpo, a día de hoxe non o puxo en funcionamento e que a dirección de Urbaser non reforzou os medios materiais e humanos para atender a demanda de servizos que se foron producindo o longo do contrato.
Por estes motivos, EU reclaman que se reúna a comisión de servizos privatizados, e se tomen medidas disciplinarias contra Urbaser.