O mushing é unha modalidade deportiva procedente dos países nórdicos na que o can está unido cun arnés e unhas cordas ao corredor. Unha disciplina que chegou non hai moito a España e que ten en Galicia numerosos seguidores que fan da nosa comunidade toda unha potencia. Esta domingo, da man do Club Canicross de Vigo, celébrase en Saxamonde o Campionato galego de mushing terra coas probas de Canicross, Bikejoring e Patín.
David Costas, do club organizador, explica que os afeccionados a este deporte buscan gozar da natureza compartindo a paixón por correr co seu can. Para practicalo non é preciso contar cun can dunha raza específica, tan só contar cun animal que resista correndo varios quilómetros e que adoitan ser exemplares de 20 ou 30 kilos. O domingo a partir das 10 celebrarase na contorna do Chan das Pipas a competición con saída e chegada no campo de fútbol de Saxamonde. Haberá probas nas tres modalidades de patín, bikejoring e canicross cun percorrido de 4,3 quilómetros.