Dende o 1 de decembro e até o 10, Redondela acollerá o concurso de tapas “As cociñas do Pergamiño Vindel”, que ofrecerá pinchos con ingredientes propios da época do Medievo. Unha das iniciativas que se vai desenvolver no noso concello para a divulgación do pergamiño e que permitirá degustar pinchos a un prezo de 2,50 euros ademais de optar a premios entre aqueles que completen a ruta. Os hostaleiros interesados en participar poden inscribirse até o 15 deste mes.
Nin patacas, nin tomate, nin tampouco pementón, estes serán algúns dos produtos vetados nas tapas ofrecidas nesta ruta do pincho que ten como particularidade que os petiscos só poderán estar elaborados con ingredientes propios das cociñas galegas do medievo. Unha singularidade que suporá todo un reto para os hostaleiros que deberán investigar sobre os pratos e produtos típicos dos séculos XII e XIII o que terá como resultado propostas orixinais e afastadas do máis común. Os clientes dos establecementos participantes serán os encargados de xulgar a súa calidade e orixinalidade, e aqueles que completen a ruta poderán optar a premios. Tamén haberá un xurado de expertos que degustará cada un das tapas a concurso. De todos os hostaleiros participantes haberá un único gañador que pasará á final e competirá cos gañadores das outras tres rutas que se van celebrar en Baiona, Vigo e Cangas. Esta é unha das iniciativas que pon en marcha a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta e o Concello de Redondela xunto á Asociación de Empresarios local dentro das actividades de divulgación do texto de oito séculos de antigüidade e entre as que se atopa unha exposición no Multiúsos da Xunqueira, obradoiros e unha charla-concerto sobre a música no tempo de Martín Codax.