O pleno rebaixa as pretensións da empresa concesionaria Serviocio que pretendía aplicar un incremento dun 8,8 nas taxas que aplican aos seus socios e usuarios. Unha actualización de prezos que se corresponde coa aplicación do IPC galego recollida no contrato feito co concello, pero que o interventor municipal rebaixou a tan só un 1,3%.
A modificación das taxas era aprobada no último pleno municipal no que non faltou un intenso debate en torno aos dereitos e deberes da concesionaria encargada da piscina. Dende o BNG reclamaban unha vez máis e necesidade de facer un estudo pormenorizado sobre as posibilidade de que o servizo fose remunicipalizado. Ao entende do concelleiro nacionalistas Xoán Carlos González “a piscina, do mesmo xeito que a axuda no fogar ou a limpeza dos edificios públicos, son servizos que con traballo e números poderían volver a mans do concello”. Acusaba o edil a Serviocio de facer “unha proposta trampa” ao reclamar un incremento do 8,8%. Dende AER insistían en que “do mesmo xeito que o concello por contrato ten a obriga de permitir a aplicación deste incremento nos prezos que se lles cobra os usuarios da piscina, a propia concesionaria ten unhas obrigas que non está a cumprir como achegar datos sobre o número de usuarios ou mellorar a limpeza e mantemento das instalacións. Roberto Darriba instaba ao goberno local a esixir o cumprimento destas obrigas por parte da concesionaria. Dende o PSOE criticaban que as tarifas que existen actualmente na piscina e ximnasio está a facer que moitos usuarios opten por outros centros deportivos alternativos A popular Carmen Amoedo criticaba a oposición por solicitar a remunicipalización de servizos”que cando gobernan manteñen en mans privadas”.