A Escola de Danza Déborah Alfaya organiza este venres un festival solidario a beneficio da ONG redondelá DaMan, que traballa en Senegal con programas de sanidade e educación. A entrada-donativo custa 3,5 euros, unha pequena cantidade de cartos que serve para que esta asociación, que preside a médico pediatra Pilar Martínez, devolva a vista aos afectados por cataratas nun pais no que a sanidade non é gratuíta.
A cita é este venres 22 ás 18:30 horas no Multiusos da Xunqueira, e os que asistan poderán coñecer tamén o traballo que fan os voluntarios de DaMan nas localidades de Senegal nas que traballan. Accións que precisan de implicación humana pero tamén de fondos económicos e que deron xa froitos concretos como a escola que comezou a funcionar no 2011 e na que os rapaces, ademais de recibir formación comen cada día. Os programas sanitarios permiten tamén facer un seguimento da poboación, mellorouse a situación das mulleres con matronas que fan controis dos embarazos. Outro dos proxectos máis importantes que teñen en marcha actualmente é o do equipo oftalmolóxico para operar de cataratas a todas as persoas que padecen este problema de visión, con 300 operacións dende a súa posta en marcha, así como outras intervencións encamiñadas a mellorar a atención sanitaria de todos aqueles que non poden acceder a un servizo que en Senegal non é gratuíto.