O xogador redondelán fichaba ao final do pasado verán polo Nacional Zagreb de Croacia, logo dunha longa e exitosa traxectoria no fútbol sala nacional e internacional. Pero a súa estancia no país dos Balcáns será máis curta do previsto, e vén de confirmar que abandona o equipo.
O club débelles mes e medio de salario, e Juan Puertas non vai regresar logo das vacacións de Nadal, unha decisión que comparte con varios compañeiros. A falta de pagamento non é o único motivo, tamén influiu “o trato dispensado pola directiva”, co presidente desaparecido. O xogador redondelán lamenta o sucedido, xa que se trata dun equipo que tiña “un bo nivel”, e recoñece que é a primeira vez que lle acontece algo semellante na súa longa carreira deportiva. Tras uns días na casa, polas vacacións de Nadal, terá que decidir o seu futuro en próximas datas, xa que conta con “varias propostas” que ten que estudar.