Veciños de diferentes parroquias de Redondela xa sentiron os efectos da última revisión catastral, coñecida como o “catastrazo”. Nos últimos días están a chegar os recibos do IBI, en moitos casos co cobro acumulados dos últimos catro anos. Desde o BNG denuncian a “irresponsabilidade” do goberno local pola falta de información aos veciños dun imposto co que as arcas municipais recadarán 1,5 millóns de euros máis.
A última recisión catastral non inclúe os erros que supoñan unha baixada da contribución, só son obxecto de regularización os defectos que soben o imposto. Isto supón a sanción de 60 euros por cada caso, o incremento do IBI e o pago de catro anos con efectos retroactivos. Anxo Lusquiños, responsable local do BNG, sinala que esta revisión catrastral afecta no municipio a uns 3.500 veciños, que non recibiron “ningunha información por parte do Concello”. Nas oficinas de recadación municipal multiplícanse estes días as consultas dos veciños afectados. A algúns, como Lola, aínda non lle chegou o recibo pola súa vivenda, pero si da de seus pais, no Viso, e está temerosa de cal pode ser o importe, xa que coñece casos de algúns veciños aos que o “catrastrazo” lle supuxo un IBI de ata 1.400 euros malia non ter feito obras na propiedade. Na maioría dos casos o incremento no valor catastral dos inmobles fai referencia a alboios, cortellos, alpendres ou galiñeiros que non estaban dados de alta no rexistro. O que máis sorprende aos afectados e que en moitos casos estas construcións levan feitas décadas. No caso de Rita, do Viso, terá que pagar por un asador, que non ten tellado, logo de abonar xa os 60 euros de multa. Agora reclámanlle polo incremento do valor catastral dos últimso 4 anos. Laméntase agora de que no seu momento non presentou unha alegación, malia non estar de acordo. O problema engadido é que en moitas parroquias, como Chapela, ou Reboreda, a tributación destes galpóns ou galiñeiros faise como solo urbano, e non rústico, o que incrementa aínda máis o seu valor. É o caso de Olga e Manuel. Quéixanse da falta de información, da escasa claridade coa que se presenta o recibo, e lamentan que pola caseta construída nunha finca deban pagar como solo urbano. Ramón, que é de San Esteban de Negros, lamenta que os colectivos e a xente en xeral non se mobilice na rúa contra o que considera “un abuso”. Desde o BNG reclamaron ao Concello que se abrise unha oficina de información en Redondela e outra en Chapela, iniciativa que o goberno local rexeitou. Desde o BNG denuncian a “irresponsabilidade” do goberno local pola falta de información aos veciños, e volven poñerse a disposición dos afectados para ofrecerlles información e asesoralos. Estarán no seu local, na Praza da Constitución, todas as tardes a partires das 18.00 horas.