Manualidades, obradoiros de experimentos, clase de cociña “pequechef”, karaoke, actividades ao aire libre, visitas televisivas… todas as tardes os máis cativos teñen a oportunidade de participar deste programa que se ofrece na Casa da Cultura durante este tempo de Nadal. Unha proposta de balde que busca ofertar un espazo no que os pequenos estean atendidos e poidan gozar de propostas lúdicas e divertidas para dar a posibilidade de que pais e nais teñan tempo libre para realizar as súas compras navideñas.
Nenos e nenas, algúns de tan só 3 anos de idade, participan estes días do programa que organiza o Concello e coordina a ludoteca Parruliños. Tres monitoras son as encargadas de dar a benvida aos cativos e conducilos ao segundo andar da Casa da Cultura, lugar no que se afanan pro realizar manualidades ou experimentar coa neve artificial. Onte os 27 rapaces que participaron saían satisfeitos ás sete da tarde cos seus experimentos baixo o brazo. Hoxe farán o mesmo, pero será con “suculentos” pratos elaborados a base de froita na súa clase particular de masterchef. “Os nenos pórtanse moi ben, intentamos que sexan actividades nas que se poidan mover, experimentar, que non teñan que estar sentados e que lles resulten divertidas” explicaba María, unha das encargadas de conducir a ludoteca. Animaba aos pais e nais a que se acheguen “hai un límite de 30 nenos por día, pero polo de agora aínda non quedou ninguén fóra”. O único que hai que facer para participar é achegarse no horario da actividade, hoxe martes de 17:00 a 19:00 horas, o resto dos días dende as seis e ata as oito, e inscribirse na entrada da Casa da Cultura.