O ano comezou con saturación no centro de saúde de Arcade, o que provocou que moitos pacientes tivesen que marchar para casa sen ser atendidos, e que os que quedaron se visen obrigados a agardar varias horas.
Desde o BNG de Soutomaior denuncian que esta situación produciuse porque Sergas non cubriu as baixas e o centro de saúde quedou cun único médico para atender a todos os usuarios. Os veciños sinalaron que o facultativo tivo que atender a máis de 80 persoas no día de onte. A este respecto o portavoz do grupo municipal do Bloque, Manu Lourenzo, lembrou que o PP votou en contra “hai escasos días” da enmenda aos orzamentos presentada polo BNG para que Soutomaior teña máis médicos. Lourenzo sinalou que dende o BNG seguirán “dando esta batalla”. De feito presentaron unha iniciativa no parlamento para pedir outra vez máis médicos para o centro de saúde do municipio. Reiterou que o levarán ao parlamento “as veces que sexa necesario”. Advirten que se reciben unha nova negativa continuarán coas mobilizacións.