O equipo de Chapela rematou a primeira volta como décimo da táboa, unha posición cómoda que lle ofrece tranquilidade para arrancar a segunda metade da competición con garantías de permanencia. O próximo partido será o domingo ante o Academia Red Blue 5 Coruña, que está unha posición por baixo dos de Iago Fernández.
O equipo de Chapela, que esta temporada milita por primeira vez na Terceira División, está a competir a un excelente nivel. O técnico, Iago Fernández, recoñece que o equipo se atopa “cómodo” nesta categoría, malia que os resultados non sempre acompañan o seu bo xogo. É unha liga moito máis esixente e recoñece que en moitas ocasións pecan de “falta de experiencia” e perden puntos nos últimos minutos. Agora son décimos na táboa, e polo de agora teñen cumprido con creces o obxectivo da permanencia. A afección tamén ten parte do mérito, xa que cada vez son máis os seareiros que os arroupan no pavillón de Chapela e tamén en moitos desprazamentos. Para manter esta boa tendencia teñen un partido trascendental o domingo, ás 19.00 horas. Será na casa ante o Academia Red Blue 5 Coruña, un dos seus rivais directos. Os herculinos están na undécima posición, cun punto menos que o Campito. Iago Fernández sinala que, neste comezo da segunda volta, xa todos os equipos se coñecen, e tentarán evitar os erros do partido de ida, cando perderon por un axustado 6-5. Campionato de España Feminino En canto aos equipos das categorías base, salientar xogadores e xogadoras do Campito participarán acticivamente no Campionato de España de Seleccións Autonómicas sub-21 que se celebra os días 26, 27 e 28 en Redondela. Xunto con deportistas do Arealonga, Redondela F.S. e Casa Paco realizarán partidos de exhibición nos tempos de descanso da competición oficial.