A decisión de Fomento de suprimir a peaxe no tramo da autoestrada entre Redondela e Vigo é acollida con satisfacción por parte de todos os colectivos que dende hai anos viñan reclamando que se eliminase ese cobro. A Asociación de Afectados pola AP-9, a Asociación de veciños de Chapela, o colectivo de empresarios e o propio concello celebran a eliminación dunha “peaxe inxusta”. A súa retirada definitiva producirase unha vez Audasa e o Ministerio negocien os tempos e a fórmula, que previsiblemente pasará por repercutir ese custe na tarifa xeral que se abona na autoestrada.
Unha “magnífica noticia” en palabras do alcalde Javier Bas a recibida a primeira hora da tarde de onte cando se facía público o compromiso de Fomento de eliminar a peaxe en Rande. Lembra o alcalde que este anuncio é froito de moitos anos de traballo e negociación e aproveitou para agradecer “a implicación do presidente da Xunta e a Conselleira Ethel Vázquez na negociación”. César Domínguez, da Asociación de afectados pola ampliación da AP-9, lembraba que este é o resultado “dunha loita de nove anos con manifestacións e demandas reiteradas que por fin das os seus froitos”. Salientou os beneficios que para Chapela suporá a supresión deste cobro “coa eliminación dunha parte importante do tráfico que circula pola Avenida de Redondela”. Unha reivindicación que foi tamén continua dende a Asociación de Veciños de Chapela, que xustamente tiñan convocada para este sábado unha manifestación para reclamar, entre outras cuestións, a eliminación da peaxe. Unha protesta que non suspenden pero que si modifican “será unha concentración ás 19:00 horas no Centro de Saúde de Chapela para lembrar que aínda son moitas as demandas pendentes, entre elas a creación dun acceso a esa autoestrada en Torres de Padín”. Así o explicaba Marcial Pérez quen non dubida en aplaudir o anuncio de Fomento “polas importante e positivas repercusións que esta decisión terá en Chapela”. Mesma satisfacción na Asociación de Empresarios de Redondela cuxo presidente, Enrique Lago lembra que esta demanda xa a realizara un dos seus predecesores no cargo, Juan Rivas, hai 20 anos. “A eliminación da peaxe terá repercusións importantes para o noso concello xa que achega Redondela a toda a área sur de Vigo e supón unha conexión directa con Portugal”. Un escenario que entende de “clara mellora a nivel empresarial e comercial”.