Malia insistir en que “será unha perda de tempo” o alcalde anuncia que solicitará unha reunión con Abel Caballero para tentar buscar unha solución á retirada da tarxeta do Vitrasa. Javier Bas aceptaba así a petición dos veciños, principalmente de Chapela, e dos grupos da oposición que, a través dunha moción, instaban ao goberno local a negociar con Vigo un acordo que resolva a situación na que van quedar moitos usuarios que a partir de marzo terán que abonar 1,35 euros por viaxe na vez dos 0,89 que pagan actualmente.
Pleno tenso o vivido na xornada de onte en Redondela marcado polo debate en torno á retirada da tarxeta verde do Vitrasa que deixará sen bonificacións aos usuarios que non estean empadroados en Vigo. Un tema que chegaba a pleno a través dunha moción da Asociación de Veciños de Chapela, na que se instaba ao goberno local a “iniciar con urxencia e de forma oficial as negociacións con Vigo” para evitar que os usuarios tanto de Chapela como doutras parroquias do concello que usan o Vitrasa, queden sen as rebaixas neste transporte interurbano ante a inminente entrada en vigor da nova PassVigo. Tarxeta esta que só poden empregar os empadroados nesa cidade. Un debate que arrancaba coa presentación por sorpresa por parte de Bas dun informe dos servizos técnicos municipais no que se recolle que “non sería legal aplicar bonificacións no transporte en función do empadroamento do usuarios”, tal e como pretende aplicar Abel Caballero. Os grupos da oposición recriminábanlle en bloque ao alcalde que non tivera informado ao resto da corporación da existencia de dito documento e o acusaban de “non ter vontade para negociar”. Pola contra a popular Carmen Amoedo afirmaba na súa intervención que a situación actual responde unicamente a un problema creado por Vigo “que se nega a cumprir o convenio do transporte da área metropolitana”. Engadía no seu discurso que “non podemos claudicar ante Caballero que o único que fai é prexudicar aos concellos limítrofes cando está a recibir 1,1 millóns de euros do Estado para financiar o transporte”. Concluía aseguranto que a única información sobre a retirada da tarxeta “témola a través da prensa”. O socialista Mauro Álvarez respondía que “Caballero tentou poñerse en contacto co goberno de Redondela ata en dúas ocasións” e criticaba ao PP por “non representar aos veciños, só os intereses do seu partido”. No mesmo sentido Roberto Darriba, da Agrupación de Electores, reclamaba ao PP que “sente a negociar, nós os apoiamos se van como representantes de todos os veciños e non como representantes do PP”. Dende o BNG pedíanlle tamén aos populares que deixen os discursos de confrontación porque “para resolver este problema hai que negociar con Caballero e para iso hai que recuperar o espírito de consenso”. Petición que tiñan que escoitar tamén do edil non adscrito, Enrique Fojo. A moción, malia o tenso debate, era aprobada por unanimidade, aceptando así Bas solicitar unha reunión co seu homólogo en Vigo para abordar este asunto. Unha decisión que era recibida con satisfacción por parte do numeroso público que enchía o auditorio do Multiúsos con pancartas nas que reivindicaban que se actuase ante o problema do transporte.