A Plataforma en Defensa do Vergudo (Pladever) segue coa súa rolda de contactos para tentar sumar apoios de cara a paralizar definitivamente as pretensións de Augas de Galicia e o Concello de Vigo de levar a cabo un transvase de auga do río Verdugo ao encoro de Eiras. Logo de acadar o apoio dos concello de Moaña, Cangas, Pontecaldelas e Soutomaior, hoxe sumábase tamén a esta iniciativa o concello de Redondela.
Na xornada de hoxe o alcalde, Javier Bas, e o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Angel Álvarez comprometíanse a trasladar ao pleno a moción que a Plataforma está a presentar en todos os municipios implicados no problema derivado do abastecemento de auga. Unha moción que persegue, entre outras cuestións, que se elabore un estudo técnico sobre as perdas na xestión da auga que, segundos os datos existentes, roldarían un 30%. Explica o voceiro de Pladever, Fernando Malvar que “a cantidade de auga que se perde polo estado das canalizacións é superior ao que se transvasaría no caso de facerse a obra que promove Vigo”. Inciden ademais na necesidade de mudar de modelo coa intención de que se incentiven políticas de aforro, tanto a nivel doméstico como empresarial, se promova a conciencia social, se implanten modelos de xestión máis eficientes e, en definitiva, se promova un uso sostible da auga. Malia os apoios recibidos ata o de agora, o gran promotor do transvase, o vigués Abel Caballero, mantén a súa intención de seguir co proxecto e levará esta cuestión a un pleno que se celebra mañá en Vigo. Tampouco se acadou un compromiso por parte da Xunta, xa que o PP no Parlamento votou en contra dunha moción na que se pedía paralizar o transvasamento polas importantes consecuencias medioambientais e a repercusión que no sector pesqueiro tería a retirada de auga da canle do río. Por ese motivo, dende Pladever anuncian que seguirán con iniciativa encamiñadas a paralizar definitivamente un proxecto que segue en marcha malia terse retirado o seu carácter de emerxencia.