Está previsto que no prazo dun mes as obras estean finalizadas o que permitirá aos veciños gozar dun paseo de 1.500 metros que vai dende o casco urbano de Redondela na zona do Salgueiral ata o Camiño da Lama, coñecido como ponte de Lemos en Cedeira. Os traballos que se están a realizar actualmente afectan tan só ao tramo final, de 300 metros de lonxitude. Unha actuación que o BNG cualifica de “verdadeira desfeita” porque se está aterrando parte do caude do río.
O sendeiro que arranca na zona do Maceiras debería estar rematado no prazo dun mes. Así o explica o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Angel Álvarez cuxo departamento é o encargado da contratación desta actuación que se prolonga ata z zona de Cedeira. As obras que rematan este paseo estanse a desenvolver actualmente e consisten no acondicionamento dos 300 metros finais ata chegar a zona coñecida como ponte de Lemos. Concretamente estanse a construír nalgún tramo muros de pedra co obxecto de evitar as crecidas e que o río inunde o paseo e arrastre o xabre empregado para a nivelación do camiño. Investiranse nesta actuación un total de 57.000 euros. E mentres dende o Concello valoran moi positivamente esta obra “que permitirá aos veciños contar cun quilómetros e medio de paseo ao carón do río” existen voces que a critican. É o caso do BNG, partido que critica a actuación “no río Maceiras que está desterrando parte da súa canle xunto coa construción dun enorme balado que supón unha verdadeira desfeita”.