Unha perda de poder adquisitivo que estiman nun 7% nos últimos seis anos, un incremento dun 0,25% para este ano que cualifican de ridículo e un sistema de pensións que entenden é “completamente sostible malia as continuas ameazas dos poderes políticos” leva a este sector da sociedade a seguir mobilizándose. Sairán a rúa este xoves ás 12:00 horas. Unha convocatoria conxunta en vilas e cidades de toda Galicia que na nosa bisbarra ten o seu centro de referencia na rúa Príncipe en Vigo diante do Marco.
“Somos máis de 9 millóns de xubilados en toda España e iso supón poder e capacidade para reivindicar os nosos dereitos así que imos seguir na rúa facendo escoitar as nosas voces” así o anuncian dende Modepen (Movemento Galego pola Defensa das Pensións), un colectivo que naceu hai un par de anos como iniciativa dun grupo de veciños de Redondela e que, pouco a pouco, foi collendo forza ata estar presente en innumerables cidades e vilas de toda Galicia. As demandas son claras: que se garanta o sistema público de pensións e o poder adquisitivo de xubilados e pensionistas. Explica Antonio Lores, membro de Modepen, que é imprescindible ante o ataque reiterado contras as pensións e contra o sistema social, saír a rúa para defender os dereitos de todos, tanto dos xubilados que a día de hoxe son receptores desa renda como os traballadores aos que se está a ameazar coa posible desaparición do sistema de pensións. Un sistema que insisten “é completamente sostible”. Rexeitan neste sentido as propostas dos dirixentes políticos que avogan e animan á sociedade a subscribir seguros privados. Unha alternativa que entenden non é viable, por unha banda porque poucos son os que poden permitirse destinar parte do seu salario a pagar unha cota a unha empresa aseguradora e, por outra, porque “eses seguros privados si que non son sostibles, son tan só un gran negocio para as empresas que están detrás”.