O Multiúsos de Chapela acolle este domingo día 25 ás 18:00 horas o espectáculo Laboratorio Máxico a cargo de Laura Mandarina, cómica e maga, que chega acompañada do seu paxaro RIgoberto. A actividade, promovida dende a Concellería de Cultura, ten un prezo de 3 euros.
Laura Mandarina chega a chapela co seu Laboratorio Máxico, un espectáculo de cincuenta minutos no que se mestura a maxia, o clown e os monicreques. Mandarina provoca primeiro a expectación do público para despois sorprendelo entre gargalladas grazas ao seu talento cos xogos de maxia cómica. Como gran aliado, conta co túzaro de Rigoberto, o seu paxaro, pouco amigo das festas e cun humor máis que escaso.
Mandarina é unha personaxe moi potente que une a ironía e a intelixencia do mago co despiste, a inocencia e o amor polo público do pallaso nun cóctel realmente explosivo. Improvisación, humor e maxia sorprendente para facer sorrir ao público nunha proposta que chega a Chapela da man da Concellería de Cultura.