O Colectivo Republicano de Redondela organiza este venres 23 de febreiro unha charla coloquio baixo o título “A liberdade de expresión hoxe” a cargo de Juan Manuel Olarrieta, especialista en cuestións de dereitos humanos e avogado dos rapeiros Pablo Hasel e Valtonic, condenados polas letras das súas cancións. O acto terá lugar no Multiúsos da Xunqueira, na Sala Cafetería, ás 20:30 horas.
A liberdade de expresión, un tema de actualidade logo das últimas noticias que falan de diferentes actuacións que atentan contra este dereito fundamental, é o argumento que se abordará na charla que se celebra este venres no Multiúsos.
Tan só nesta semana podemos falar da condena a tres anos e medio de cárcere a un rapeiro por “enaltecer o terrorismo e inxuriar á Coroa” nas súas cancións; vense de ordenar o embargo de Fariña, o libro de Nacho Carretero no que se relaciona a un exalcalde popular do Grove co narcotráfico e se procedeu á retirada na feira Arco dunha exposición fotográfica que inclúe a Oriol Junqueras baixo o epígrafe de “preso político”. Sentencias que están a seren criticadas por atentaren precisamente contra a liberdade de expresión.
Con todo, a charla de mañá habería que enmarcala dentro das actividades que organiza o Colectivo Republicano para denunciar a retirada meses atrás da exposición “A criminalización do pensamento” do Multiúsos da Xunqueira.
E para falar deste tema contarán coa presenza de Juan Manuel Olarrieta, avogado entre outros dos rapeiros Valtonic e Pablo Hasel quen entende que sentencias como a ditada contra Valtonic, que o condena a pena de prisión, amosa que “a liberdade de expresión é a materia pendente deste país”.