Actos institucionais fronte a convocatorias reivindicativas é o que se vivía na mañá de hoxe en Redondela. Dous actos que coincidiron no tempo e que amosaron o diferente xeito de entender o 8 de Marzo cando a organización radica no Concello, a través da súa concellería da Muller, ou cando son os colectivos feministas os que convocan a mobilización. No primeiro dos casos o programa desenvolvíase na praza do Concello coa asistencia dun cento de persoas a un acto no que se escoitou o manifesto institucional e diferentes mulleres leron textos de reflexión en torno á data. Na praza da Constitución máis de cincocentas persoas respondían ao chamamento de Paxaretas.
Xornada histórica a que se está a vivir hoxe en todo o país coa mobililización das mulleres que se suman a unha folga convocada por colectivos feministas e que secundan tamén partidos políticos e sindicatos. No caso de Redondela os actos chegan enfrontados, con dúas convocatorias a un tempo que se desenvolvían en prazas separadas tan só por unha rúa. De feito, os actos chegaron a convivir cando un grupo dunhas oito mulleres do colectivo Paxaretas, portando cartaces reivindicativos, se deixaban ver entre o público que na Praza do Concello asistía a convocatoria realizada dende a Concellería da Muller. Un acto que consistiu na lectura do manifesto institucional e a achega de varias mulleres que trasladaron as súas mensaxes e reflexións a través de diferentes lecturas. Ao redor dun cento de persoas asistían a este acto que contou tamén coa música en directo da pianista Noemí Salomón. Mentres, na praza da Constitución, un grupo máis numeroso, dunhas 500 persoas, concentrábase convocado pola Asociación Feminista. Houbo tamén nese caso lecturas de textos de marcado carácter reivindicativo e cánticos nos que se denunciaba a situación de discriminación das mulleres “queremos emprego, traballo xa temos” e se criticaba as políticas do PP. Acto este último marcado tamén polas recentes declaracións da concelleira da Muller, Teresa París, quen argumentaba a negativa do seu departamento a secundar a folga feminista por entender que “as desigualdades non se resolven saíndo a rúa”. Unhas palabras que espertaron enorme malestar entre o colectivo feminista pero tamén entre os partidos políticos da oposición ou dos propios sindicatos do concello, que facían un chamamento aos traballadores municipais para que secundaron a folga.