A compañía decidiu adaptar esta ópera para poder achegala a teatros de menor tamaño e dar a posibilidade de que poboacións como a nosa poidan acceder a espectáculos operísticos. Logo de xirar por máis de 60 localidades chegan a Redondela este sábado. La Traviata poderá verse ás 20:00 horas no Mulitúsos da Xunqueira. A entrada ten un custe de 7 euros (5euros entrada reducida).
Camerata Lírica de España chega a Redondela cunha das óperas máis representadas de Giuseppe Verdi, La traviata, algunha de cuxas melodías ten traspasado o operístico para converterse en parte da banda sonora da humanidade. A gran popularidade desta obra motivou á compañía á hora de realizar unha adaptación que poida programarse para todo tipo de público nas diferentes Redes e Circuítos escénicos do noso país, seguindo o seu labor de achegar a ópera e a lírica tamén a poboacións que non teñen grandes posibilidades de acceso a este xénero. O resultado é unha completa adaptación escenificada en case toda a súa extensión con acompañamento de piano, áxil, moi amena e comprensible que mantén as formas máis ortodoxas da ópera, tanto musicais, como escénicas (attrezzo e vestidos de época), realizado e executado por cantantes de nivel internacional, que entusiasmará ao público neófito e non defraudará ao afeccionado.