Un total de 26 formacións musicais presentáronse neste edición ao concurso de maquetas que anualmente convocan dende a Asociación Millo Verde. Nesta XI edición o gañador decidirase na festa concurso que se celebra o vindeiro sábado día 24 na antiga feira do gando. O público asistente ao concerto será o que decida co seu voto entre os vigueses The Mob Swing e os redondeláns Chaleco Reflectante.
The Mob Swing, banda viguesa de rock con influencias do swing, soul e fanky, é un dos grupos que chega a esta final do sábado. Compiten con Chaleco Reflectante, grupo redondelán integrado por catro veciños da vila que ofrecen un repertorio cargado de rock, punk e blues. As entradas que se repartirán entre os asistentes ao concerto servirán para votar e elixir a un dos dous, grupo que pasará a formar parte do programa do Millo Verde que se celebra no inicio do mes de xuño, os días 7, 8 e 9. Como grupos convidados subiranse ao escenario tamén outras dúas formación para animar a noite: Chá, cerveja e violão e The Güintervan. Dende a organización animan aos veciños a achegarse e participar dun evento que serve para promocionar a formacións musicais que adoitan levar pouco tempo no panorama musical pero con calidade nas súas propostas. De feito, moitos dos grupos que pasaron por este concurso “lograron acadar certa repercusión logo de facerse un oco no programa do festival de edicións anteriores”.