A flota de cerco da comunidade galega, cunha importante presenza en Redondela, onde hai unhas 30 embarcacións e máis de 300 tripulantes, vive unha situación difícil debido á escasa cota de sardiña concedida ao estado español dentro do acordo de xestión desta pesqueira acordado con Portugal. Das 14.600 toneladas permitidas asegura o armador redondelán e presidente do cerco vigués, Antonio González “Tonacho” que Portugal quedou co 66% debido ás malas negociacións da administración que non souberon defender os intereses dos barcos galegos”.
A falta de cota obriga a estas embarcación a permanecer paradas dende o pasado mes de decembro. Algunhas xa comezaron a faenar tirando doutras especies como a xarda ou o xurelo pero deixan para o mes de maio a pesca da sardiña. Explica Tonacho que prefiren capturar sardiña “cando o prezo desta especie estea máis alto no mercado e tentar que os kilos que temos asignados nos dea para aguantar ata o mes de agosto”. Asegura que o problema non é que non haxa peixe no mar, o problema radica nas malas negociacións que se fan dende os gobernos, sobre todo nos “ultimos dez anos, que provocou que teñamos moita menos cota que outras flotas con menos barcos”. Unha situación que afecta particularmente a Redondela. Algunhas embarcación permanecen amarradas porque non compensa saír ao mar, outras optan por especies alternativas como o xurelo ou a xarda. Tonacho teme que a situación vaia a peor “dende a Dirección Xeral de Pesca xa nos anunciaron que de cara ao futuro terán que desaparecer máis barcos para que a cota existente dea para todos”. Nos últimos cinco anos a flota xa se desfixo de 900 embarcacións.