A Fundación Filomena Rivero Alonso coa colaboración das Bibliotecas Municipais de Redondela organizan hoxe luns día 2 de abril un conto inclusivo baixo o título “Imos buscar…” baseado no texto “Imos cazar un oso” de Michael Rose. Orientado a público familiar con nenos a partir dos 4 anos de idades a actividade terá lugar na sala infantil da biblioteca do Multiúsos ás 18:30 horas.
Unha aventura que fusiona a linguaxe verbal (lingua galega), xestual (lingua de signos) e audiovisual (proxección), recreando espazos imaxinarios cheos de sensacións táctiles provocados polos elementos da natureza, auga, terra, vento, etc. Unha aventura de un día calquera, alén da tecnoloxía, recreando a liberdade do xogo e das sorpresas sensitivas que nos aporta a propia natureza. A entrada é libre e de balde.
Unha actividade organizada co gallo da celebración do Día Internacional do Libro infantil e xuvenil que lembra, dende 1967 o nacemento do escritor Hans Christian Andersen.
Por outra banda, este mesmo venres, día 6 de abril, a asociación amigos das bibliotecas organiza unha mesa redonda baixo o título “Lobo ibérico, anxo ou demo?”. Unha actividade coordinada polo veterinario Iñaki de Miguel que se celebrará na casa da Cultura de Redondela ás 20:30 horas con entrada libre.