O equipo de Redondela ten por diante dúas xornadas decisivas nas que se xoga a permanencia na primeira nacional masculina. Esta fin de semana caía 22-20 ante o Calvo Xiria, resultado que os deixa no penúltimo posto da táboa. Tan só contan con dúas xornadas para tentar remontar e enfróntanse na vindeira semana a un derbi difícil, xogarán na casa contra o Rodosa Chapela, equipo que vén de recuperar a cuarta praza.
A SAR lograba incluso empatar o encontro cando faltaban cinco minutos para o final, pero o Calvo Xiria volveu poñerse por diante ata chegar ao remate con esa vantaxe de dous goles a favor dos anfitrións (22-20). Os de Redondela necesitan desesperadamente sumar puntos nas dúas últimas xornadas.
A máis inmediata, a vindeira semana, será un derbi na que os dous equipos se atopan en situacións ben diferentes. Mentres a SAR tenta aferrarse á categoría, o Chapela mantense nunha cómoda cuarta praza logo de vencer ao Serviauto Bueu por 31-28.
Un derbi que se disputará o sábado 28 ás 18:30 horas no pavillón municipal da Marisma, partido no que a SAR se xoga en boa medida o seu futuro.