Redondela está inmersa un ano máis no Festival Internacional de Títeres, que chega á súa XIX edición. Nesta ocasión faino con novidades, como a incorporación da lingua de signos nalgúns dos espectáculos para facelos “máis inclusivos”. O festival tamén inclúe espezos reservados para persoas con mobilidade reducida. A programación de sala arranca hoxe ás 21:00 horas coa proposta “Le Fumiste” a cargo de Don Davel.
Ata o próximo domingo Redondela será a capital mundial do monicreque. A programación escolar, que arrancou o pasado luns, súmase á de sala, que comeza hoxe, e a de rúa, que mañá xoves celebra a festividade das Letras Galegas e que se prolonga durante toda a fin de semana. Na presentación do certame a concelleira de Cultura, Teresa París, aninmou a todo aquel que aínda non coñeza este festival a que se achegue a Redondela par gozar dos atractivos da vila e dun evento cultural “que non poden perder”. O alcalde, Javier Bas, amosouse satisfeito “polo traballo e ilusión” cos que a asociación Xente Titiriteira organiza este certame “ano tras ano” coa colaboración do Concello, porque non queren “baixar o listón”. E nesta ocasión foron quen de dar “un paso máis” para facer do fesitval un evento cultural “máis inclusivo”. Bas explicou que chegaron a un acordo coa asociación Xoga, a Organización de Xordos de Galicia, para que algúns dos espectáculos dete ano conten con intérprete en lingua de signos. Serán as obras “Barriga Verde” dos galegos Viravolta Títeres e “Un botón en mi cabeza” dos arxentinos Arriba las Hu! Manos. Luis Crespo, organizador do festival, confía en que a experiencia sexa “un éxito”, xa que dentro das súas posibilidades sempre tentaron facer un certame “sen barreiras”, reservando espazos nos espectáculos para persoas con mobilidade reducida, e salvando obstáculos arquitectónicos con rampas, etc. Nesta XIX edición agárdase que sexan máis de 35.000 as persoas que se acheguen ao festival, todo un referente xa na programación cultural galega de varias xeracións. Programación especial Letras Galegas O festival celebra mañá o Día das Letras Galegas cunha programación especial. Viravolta Títeres estárá na Praza do Concello ás 13.00 horas, e na Alemada ás 18.00. Arriba las Hu! Manos actuará ás 17.30 no Campo da Petanca, onde repetirá ás 20.30 horas. O espectáculo “Vacacións no mar”, de Mircromina Teatro estará na rúa Salgueira ás 18.00 horas. O danés Alex Marionettes porá en escea a “Mr. Barti” na praza do Concello don dúa sesións, ás 17.30 e ás 19.30 horas. Haberá tamén actividades paralelas, coa Casa dos Xogos na pista da Xunqueira, e a música de The Turres Band, que participarán xunto con Educa Teatro no espectáculo itinerante “Carapuchiña vai de Festa”. A praza da Casa da Torre acollerá o concerto de María Fumaça co espectáculo “As que máis molan” ás 19.00 horas. A xornada tamén contará cunha Homenaxe á Muller Galega ás 18.00 horas na praza da Constitución, a cargo da Asemblea Feminista Paxaretas e a Asociaicón Xente Titiriteira. Da man de Ernestina Otero o público fará un percorrido para descubrir diferentes mulleres que xogaron un papel fundamental na historia de Galicia.