O bo tempo e a intensa programación encheu a vila de público e do mellor teatro de monicreques no festivo das letras galegas, pero foi tan só un anticipo do que se vivirá en Redondela durante toda a fin de semana, cun total de 36 espectáculos programados para as xornadas de rúa de sábado e domingo. Propostas ás que hai que engadir as actuacións de sala que hoxe venres contará con “El juego del tiempo” de David Zuazola. O sábado as cinco Periferia Teatro representará Vuela Pluma e Jordi Bertrán ofrecerá os seus “Poemes Musicais”. A xornada do domingo arrancará con outra cita xa tradicional, a ruada titiriteira que nesta ocasión partirá dende o peirao de Cesantes.
A primeira xornada de rúa deste XIX Festival Internacional de Títeres encheu Redondela de milleiros de familias que se achegaron a desfrutar das máis de 18 actividades programadas no Día das Letras Galegas. Unha exitosa xornada que se volverá repetir este sábado e domingo con propostas chegadas dende diferentes puntos do planeta. Na programación de sala hoxe venres o Auditorio da Xunqueira acollerá ás 21:00h a representación “El juego del tiempo” do chileno David Zuazola. Unha proposta composta por 7 historiañs de 7 minutos cada unha, dirixida por 7 directores diferentes e que conforman un único espectáculo onde todo está relacionado. O público irá descubrindo pouco a pouco que todo é parte dunha significativa, dura e profunda historia. Mañá sábado ás cinco da tarde a quenda será para Periferia Teatro e pola noite Jordi Bertran ofrecerá os seus Poemes Musicais. O domingo as dúas actuación previstas son a de Boabad Teatro ás cinco coa obra Pum Pum! e xa pola noite títeres Etcétera pechará o Festival con “El alma del pueblo”. Ruada titiriteira Unha das citas que está a coller forza nos últimos anos é a ruada titiriteira que cada ano convida aos participantes a achegarse a un recuncho da vila. Nesta edición a proposta leva por nome “10.000 leguas de viaxe pola vila” e convida a grandes e pequenos a achegarse ao peirao de Cesantes o domingo ás doce disfrazados de chocos ou animais mariños. O protagonistas será un submarino.