Os residentes e comerciantes da contorna da rúa das Cardosas levaban anos reclamando un semáforo e un paso de peóns na estrada nacional 550. Unha necesidade para os conductores e tamén para os peóns, que cruzan “sen ningunha seguriade”. A instalación do semáforo ao lado da rotonda “non resolve o problema” segundo os veciños, e mesmo xera máis prexuízos “ao provocar retencións na glorieta” cando coinciden varios camións.
A instalación dun semáforo na rotonda onde conflúen a N-550 e a N-555 non convence aos veciños. Aseguran que, lonxe de mellorar a circulación e a seguridade na zona, aínda provoca “máis problemas”. Explican que a ubicación dos semáforos, moi preto da rotonda é “a peor das situacións posibles”. Veciños como Jorge levan anos reclamando que se instale un semáforo na zona “pero non na rotonda”. O maior problema é que cando coinciden varios camións de gran tonelaxe co semáforo pechado colápsase a glorieta, como explica Ana, que rexenta un comercio na zona. Entende que o semáforo estaría “moito mellor” uns metros máis arriba, á altura do cruce coas Cardosas. Todos coinciden en que a ubicación elixida para o grupo semafórico non é a axeitada ” xa que non regula o tráfico procedente da Rúa das Cardosas”. Algúns como Javier son rotundo ao afirmar que o lugar elixido “é o peor” dos posibles. Daniel, que rexenta un negocio na zona, tampouco entende con que criterios se elixiu esa zona, tan próxima á rotonda, e afirma que está “fatal”. Veciños, comerciantes e conductores denuncian que os problemas para os coches que se incorporan á estrada nacional desde as Cardosas “seguen sen resolverse”. Desde ese vial non contan con boa visibilidade, e son frecuentes os accidentes, e lamentan que os veciños da zona son “os máis prexudicados”. A contorna da zona, que conta só cun sinal de “Stop”, non permite unha incorporación segura á N-550. O colector do lixo, autobuses e vehículos que están en ocasións mal estacionados, deixa sen visión aos conductores. Un acceso “moi perigoso” e que non mellora co semáforo na rotonda. Pero o problema non é para os condutores, senón tamén para os peóns. Moitos cruzan por está zona xa que os autobuses fan a súa parada á altura do cruce da Rúa das Cardosas. Os veciños que utilizan o transporte público non se desprazan despois ata a rotonda para cruzar, e por comodidade, fano “polo medio da estrada” co conseguinte perigo, xa que deben atravesar tres carrís. Mesmo os propios operarios que realizaron os traballos recoñeceron que a ubicación “non era boa”, tal como lle manifestaron aos veciños que se interesaron polas obras, e auguraron que co tempo “habería que cambialo de sitio”. Pero os veciños non confían en que ese cambio de ubicación de faga realidade, logo dos meses de obras que tiveron que pasar para que os semáforos entrasen en funcionamento.