O BNG cualifica de “positiva” a acollida da exposición do Colectivo Republicano “A criminalización do Pensamento” no local do Bloque de Redondela. Varias ducias de veciños asitiron onte á inauguración da mostra que en outubro do ano pasado fora retirada do Multiusos da Xuqueira.
Dende o Coleitivo Republicano agradeceron as diversas mostras de apoio, pero especialmente destacaron “a valentía” da organización nacionalista “por accederen a expoñer a selección de fotografías de temáticas reivindicativa e social”. Por parte do BNG, o seu concelleiro, Xoán Carlos González salientou “como obriga democrática que a xente puidera ver e contemplar os contidos desta exposición, que únicamente se refiren a feitos reais e constatabeis”. Aludíu á necesidade de “non terlle medo a defender as ideas, e expresalas por vías democráticas”. Responsabilizou ao alcalde de Redondela, Javier Bas, por ter iniciado esta situación “inédita en Redondela de censurar unha exposición”. Pola súa banda o parlamentario Luís Bará, considerou que o acto en si xa representaba unha “anomalía democrática”. Recordou o simbolismo que supuxo “ter rachado a fotografía do rei no Parlamento Galego”, como mostra de que o propio Tribunal Europeo de Dereitos Humáns consideraba esta acción como un exercico da liberdade de expresión. A exposición amosa mediante fotografías e recortes de xornais as mobilizacións que tiveron lugar en Redondela en 1987 tralo peche da factoría téxtil de Regojo, nas que veciñas e veciños foron detidos e golpeados pola policía. Tamén se atopan imaxes dos últimos fusilados polo réxime franquista, cunha especial referencia ao vigués José Humberto Baena Alonso, fusilado no ano 1975. Esta exposición estará aberta ata o 8 de xuño no local do BNG en Redondela, en horario de 19 a 21 horas.