As persoas ou asociacións interesadas en celebrar a noite de San Xoán coas tradicionais cacharelas deberán contar coa pertinente autorización municipal. Dende a Concellería de Medio Ambiente lembran aos interesados que deberán entregar no Concello antes do venres 15 de xuño unha solicitude de autorización que poden descargar da páxina web do concello.
Para os casos de queima de fogueiras na vía ou lugares públicos, deberán achegar unha póliza dun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura mínima de 150.000 euros, xunto co recibo xustificativo do seu pagamento. Ademais, é preciso achegar tamén un plano coa localización da fogueira, e os elementos que se van queimar deberán estar colocados o día anterior para que o Servizo de Emerxencias e Protección Civil do Concello poida levar a cabo a súa revisión e control . O volume de material combustible non poderá superar os 8 metros de diámetro nin os 3 metros de altura. A separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados, será como mínimo de 12 metros. Ademais porase especial coidado de non situalas preto dunha zona forestal, nin baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, e ter conta de que nos arredores non haxan produtos inflamables. Prohíbese a queima de rodas, aerosois, plásticos, aceites, mobles e, en xeral, calquera substancia que poida desprender fumes tóxicos. Ao finalizar a fogueira, antes de abandonar o lugar, os responsables da organización coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas e o lugar nas adecuadas condicións de salubridade.