Os grupos da oposición obrigaron ao goberno local a deixar enriba da mesa a ordenanza municipal para regular o uso das praias en Redondela. O edil, Miguel Ángel Álvarez, explicou que este regulamente é un requisito “obrigatorio” por parte da axencia que outorga o distintivo de Bandeira Azul. PSOE, AER e BNG coincidiron na necesidade de dar “máis tempo” aos grupos para estudar a proposta do goberno e facer tamén as súas achegas. O edil non adscrito, Enrique Fojo, manifestou que máis importante que ter un regulamento “é ter as praias en bo estado e con bos servizos”. Si se aprobou por unanimidade que o CEIP Santo Paio de Abaixo pase a denominarse CEIP Reboreda, tal como pediu o seu Consello Escolar.
Os areais de Redondela non terán este verán unha ordenanza reguladora sobre o seu “uso e disfrute”, tal como pretendía o goberno en minoría do PP. Trátase dunha norma que, como explicou o concelleiro Miguel Ángel Álvarez, é unha esixencia de Adeac (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, encargada de conceder o galardón de Bandeira Azul ás praias. O edil de Medio Ambiente explicou que propoñía un regulamento “o máis sinxelo posible”, xa que se manifestou en contra de “regulalo todo”. O documento conta con oito artigos coas normas básicas para o uso dos areais. Establece que a tempada de baño vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, período no que realizará o servizo de limpeza diario. Indica que os controis de calidade das augas realizaraos a Consellería de Sanidade, e o Concello informará dos resultados á cidadanía. En canto ao réxime sancionador, establece como infraccións moi graves non respectar a bandeira vermella que prohibe o baño, o incumprimento das balizas de navegación, o varar embarcacións ou a captura e destrución da fauna silvestre. Como graves, establece deixar o lixo, non recoller os excrementos dos animais, acceder con vehículos non autorizados ou practicar pesca na tempada de verán. Os grupos da oposición, que suman maioría, obrigaron a deixar este asunto sobre a mesa. O concelleiro non adscrito, Enrique Fojo, manifestou que máis importante que ter un regulamento sobre o uso dos areais “é ter as praias en bo estado de limpeza e con bos servizos para a cidadanía”. O edil do BNG, Xoán Carlos González, defendeu que unha vez que se elebora o regulamento, este debe definir o mellor posible as zonas de baño, o papel dos socorristas, delimitar o tipo de deportes que poden practicarse e onde, e tamén se está permitida a celebración de festivais no areal. Desde AER Javier Bastos advertiu que, tendo en conta os trámites administrativos, o regulamento non podería en funcionamento ata finais de agosto. Por iso o seu grupo optou tamén por deixalo enriba da mesa para ter máis tempo de estudalo a fondo e facer achegas que poidan mellorar o texto presentado polo goberno local. A socialista Anabel Rey manifestou o acordo do seu grupo co do resto de partidos da oposición, e amosou a súa preoupación por temas de seguridade que non se inclúen no regulamento, como a navegación, a delimitación da zona de baño e os espazos reservados para deportes náuticos. Críticas rexeitadas polo concelleiro de Medio Ambiente, quen advertiu que o regulamento estivo a exposición pública un mes. Lembrou tamén que desde o mes de abril se solicitou á cidadanía que achegasen as súas propostas a través da páxina web do Concello, pero que non recibiron ningunha. Miguel Ángel Álvarez acusou á oposición de estar a poñer trabas á xestión municipal, e lamentou “que non lles preocupe que as praias de Redondela teñan Bandeira Azul”. CEIP Reboreda A corporación local aprobou por unanimidade unha solicitude do Consello Escolar do CEIP Santo Paio de Abaixo. A proposta, que levou ao pleno a voceira do grupo popular Carmen Amoedo, supón o cambio de nome do centro, que pasa a denominarse CEIP Reboreda.