A ecoloxía e a sustentabilidade danse cita este domingo no peirao de Arcade. Dende as 10.30 da mañá abrirá o mercado artesanal con postos de produtos da horta pero tamén artesanía. Ao longo da xornada haberá actividades para os máis cativos cunhas campo-olimpiadas e un obradoiro de cabanas . Tamén actividades para os maiores cun taller de crochet tradicional. As agrupacións Miúdos, Poalleira e o Grupo de baile e pandereteiras de Soutomaior serán os encargados de pórlle ritmo a esta xornada.
A recuperación das feiras tradicionais como espazo de encontro para a veciñanza é o obxectivo desta primeira edición da “Feira Ecolóxica e Artesanal” de Soutomaior que promove EmRede, unha rede de mercados ecolóxicos, artesanais e de proximidade, composta por concellos, expositores e diferentes axentes do ámbito cultural galego que traballan neste ámbito dende 2013. Este domingo chegan a Soutomaior, logo de pasar por Moraña, Meis, a Estrada ou Campo Lameiro, con esta proposta que permite a pequenos produtores dar a coñecer o seu traballo e a cidadanía achegarse a produción ecolóxica e sustentable. A concienciación é un dos piares deste proxecto, segundo explicaba a súa promotora Luz Gómez Señoráns, porén os nenos centran boa parte das actividades coa celebración dunhas campo-olimpiadas a partir do mediodía e pola tarde ás 18.00 horas poderán participar nun obradoiro de cabanas de indios. Media hora despois os maiores aprenderán a facer crochet tradicional e ao longo de toda a xornada haberá exhibicións de oficios tradicionais e información sobre novas tendencias de consumo sostible. A xornada estará amenizada pola música tradicional de Miúdos (11.00 horas), Poalleira (12.30 horas) e o Grupo de baile e pandereteiras de Soutomaior que actuarán a partir das 17.30 horas.