Como pioneira na defensa do galego, Redondela foi o concello elixido para homenaxear os 35 anos da aprobación da Lei de Normalización Ligüística. Un acto no que se puxo en valor o papel que xogou o municipio na normalización do galego nas administración públicas así como na súa defensa a partir da década dos oitenta o que se reflectiu na creación do primeiro departamento de Normalización Lingüística de Galicia.
“A lingua é a maior e máis orixinal creación colectiva dos galegos, é a verdadeira forza espiritual que lle dá unidade interna á nosa comunidade” así o recolle a introdución da Lei 3/1983, de Normalización Lingüística que foi aprobada o 15 de xuño de 1983 e así tamén se lembraba no acto institucional celebrado este venres na praza de Figueroa para homenaxear eses 35 anos de vida. Un acto que contou coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde de Redondela, Javier Bas, e tamén o que foi un dos responsables de que Redondela se convertese nos anos oitenta nun referente na normalización da nosa lingua, Xosé González, o que fora creador e primeiro responsable do departamento de Normalización Ligüística do Concello. Un papel no que facía fincapé o secretario de Política Lingüística quen subliñaba que Redondela foi “un dos focos que alumeou a galeguización da administración local”. Tamén houbo lembranzas para o papel que xogaron Ramón Piñeiro e Camilo Nogueira na aprobación e posta en marcha desta lei en 1983, como destacaba o profesor Alonso Montero. Unha normativa que saía adiante por unanimidade nun Parlamento de Galicia sen maioría, converténdose, en palabras do Parlamento de Galicia, en exemplo de consenso por parte de deputados e deputadas que “foron quen de aparcar as súas diferenzas e chegar ao consenso” para “devolver a plenitude de dereitos á nosa lingua”, como afirmara naquel entón Ramón Piñeiro. Un acto que contou coa actuación musical de Luís Emilio Batallán e remataba coa descuberta dunhra placa en lembrana e homenaxe do traballo feito en Redondela pola galeguización da Aministración municipal.