O grupo municipal nacionalista comparte a necesidade de que a ordenanza que regula os prezos de acceso ao Castelo de Soutomaior se modifique. O edil Manu Lourenzo sinala, ao igual que o alcalde, que o acceso aos xardíns debe ser de balde para a veciñanza, como até o de agora.
Con respecto a algunhas outras das peticións do goberno local, dende o BNG sinalaron que no caso da romaría de San Caetano, na propia ordenanza se contempla literalmente que “en casos excepcionais, debidamente xustificados, poderase establecer outros días de visita pública gratuíta”. O BNG entende que nese apartado “encaixa” esa romaría. Ademais, na propia ordenanza se contemplan tarifas reducidas para menores de 18, grupos, maiores de 65, etc. Lourenzo destacou que comparten co goberno local que o acceso aos xardíns e patio de armas sexa gratuíto para a veciñanza. Explicou que a ordenanza está en fase de alegacións, polo que pode mellorarse. Con todo, cuestiona a “sobreactuación” do goberno local, e pídelle a Agustín Reguera “máis seriedade”. Entende que é necesario revisar a ordenanza, pero rexeita que “as visitas de turistas dun cruceiro, por exemplo, sexan de balde”. O voceiro do BNG tamén critica que o goberno local actúe de xeito diferente segundo a administración competente. Considera “abraiante” que Reguera teña esta actitude cando o Castelo é competencia da Deputación, e que pola contra “non diga nada de que Portos de Galicia cambie a lei para impoñer multas de ata 6000 euros por bañarse ou pescar no peirao de Arcade, ou que cobre por usar os seus espazos”. Denuncia que cando son as adminstracións do PP as que cometen “agravios para a veciñanza moito máis serios”, Agustín Reguera “cala”.