Hoxe é Xoves 28 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela aposta polo aproveitamento da auga da choiva

RR_Noticias

Usar a auga das precipitacións para a limpeza de rúas, lavadoras e inodoros ou reutilizar as augas residuais urbanas para a rega de xardíns e extinción de incendios son algunhas das propostas que recolle unha moción promovida pola Plataforma en Defensa da Ría de Vigo e que vén de recibir o visto e prace de todos os grupos da corporación.

Segundo os datos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación no século XX o consumo de auga incrementouse a un ritmo dúas veces superior ao da poboación mundial malia a diminución dos recursos hidrolóxicos por mor do cambio climático. Segundo apuntan dende a Plataforma o consumo de auga potable por habitante e día é de mil litros nos países máis desenvolvidos porén consideran que é necesario un uso sustentable deste recurso natural a través da posta en marcha de medidas que reduzan o seu consumo. Destacan que boa parte da auga que consumimos diariamente non ten que ser potabilizada como é o caso da que empregamos para as lavadoras, descargas de inodoros, limpeza de rúas, rega de xardíns ou extinción de incendios e suporía un aforro do 45% da auga potabilizada que usamos. Países do centro e o norte de Europa xa puxeron en marcha medios para o control dos recursos hídricos coa instalación de sistemas de aproveitamento das augas pluviais nos tellados das casas e edificios. O obxectivo é manter a auga na súa orixe, encoros e mananciais, conseguindo reservas para afrontar períodos de seca como os vividos a comezos deste ano.Para conseguilo consideran que a Xunta de Galicia debe modificar a Lei de Augas para fomentar o aproveitamento das augas pluviais de xeito gratuíto, que se obrigue a dotar as novas vivendas da instalación mínima necesaria para a redución do consumo de auga, aproveitamento das pluviais e reutilizables sen necesidade de tratamento. Ademais de que o custe da auga do sistema público de abastecemento sexa por consumo e que as administracións, concellos portos fagan uso das augas tratadas polas EDARS para o baldeo de rúas, rega de xardíns, fontes ornamentais con circuítos pechados, ou calquera outro uso compatible.  

Xoán Carlos González BNG
O edil salienta a importancia destas medidas nunha situación climática con menos precipitacións e temperaturas máis elevadas
Enrique Fojo edil no adscrito
Fojo ve dúbidades sobre a viabilidade económica e técnica das medidas e pide a consulta á cidadanía
Roberto Darriba AER
Dende AER fan fincapé en que medidas coma estas permitiría que empresas como Pescanova ou Plastic Omnium non collesen auga dos ríos
Leonardo Cabaleiro PSOE
Os socialistas apostan pola educación e sensibilización. Instan ao goberno a que tome medidas para reducir o consumo
Miguel Ballesteros PP
Os populares consideran que o problema debe abordarse dun xeito máis global e coa implicación de todas as administracións

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará