Coñecer a lonxa, as empresas transformadoras, o mercado, como se pode elaborar, cal é o proceso dende que se pesca até que chega aos nosos pratos e tamén onde se pode degustar. Isto é o que nos permite a nova “Ruta do Choco”. Tres propostas que van dende unha ruta no Chocochú ou a pé, o Choco emprende e o Choco mariñeiro, unha ruta pola ría de Vigo con parada na Illa de San Simón e no Meirande. Unha nova iniciativa que se estrea coa renovación da imaxe corporativa de “Turismo de Redondela” e nova oficina, que abre as súas portas en Reveriano Soutullo.
Ao turismo cultural e natural súmaselle agora o turismo industrial, co produto estrela de Redondela, o choco. En colaboración coa Asociación de Empresarios de Redondela e Fundamar, o concello de Redondela pon en marcha a “Ruta do Choco” que articula a oferta turística en tres rutas. Por unha banda o pasado histórico de Redondela, a súa riqueza arquitectónica e as súas peculiaridades como as casas mariñeiras, os edificios nobres ou os viadutos . Un percorrido que se pode facer a pé ou no “Chocochú”, tren turístico que se estrea esta fin de semana con horario de tarde con saída desde a Praza de Santiago. Visitará o barrio histórico até Cesantes onde se rematará cunha visita á lonxa. Para aqueles que queiran coñecer todo o proceso desde o mar ao prato, teñen a oportunidade de facelo co “Choco emprende”. Visitas puntuais que terán unha hora de duración e nas que se visitará empresas transformadoras de produtos do mar, unha visita á lonxa e ao mercado, con exhibición incluída de limpeza de choco. A riqueza paisaxística poderá coñecerse a través do “Choco mariñeiro”, cunha ruta marítima pola Ría de Vigo con parada na Illa de San Simón e no Meirande. Tres rutas que pretenden incrementar a oferta turística en Redondela e abrirlle o abano de posibilidades aos visitantes. “Turismo de Redondela” cambia de imaxe O choco, a Illa de San Simón, a Batalla de Rande, a Coca, Julio Verne, os Galeóns, todos estes símbolos de Redondela están presentes na nova imaxe do departamento de turismo do Concello que non só estrea novo “look” senón tamén sede.O escudo de Redondela e o choco, son os elementos predominantes da nova imaxe de marca deste departamento que a partir de agora poderemos atopar na rúa Reveriano Soutullo número un.