A menos dun mes da súa celebración, o sábado 18 de agosto, xa se coñece quen será o encargado de poñer ritmo a esa xornada de festa en Redondela. Nesta ocasión a música reggaetón será a protagonista a cargo do cantante dominicano Henry Méndez. Unha festa que celebra a súa XXI edición en medio das críticas de moitos veciños e dalgunhas formacións políticas, como AER, por entender que é preciso desvincular esta celebración da idea de “macrofesta” e de “vía libre ao botellón”.
O repertorio do dominicano Henry Méndez, con temas pop, reggaetón, house e dance, será o protagonista neta edición do Entroido de Verán. Intérprete de coñecidas cancións como El Tiburón o No Regresa más, conta coa súa propia discográfica e colaboracións que o levaron ás listas de éxitos.
Unha xornada na que se celebrará a VIIl edición da gala Drag Queen presentada por Cristian de Samil, sesión de Djs con Rodri Vegas e na que haberá tamén actividades orientadas aos máis pequenos.
Un evento que celebrará a súa XXI edición en pleno debate polas críticas dos que consideran que se ten convertido nun “macrobotellón” e que compre adoptar medidas de cara a reconducir esta celebración.
Neste sentido dende o concello xa anunciaron que este ano, xunto coa Asociación Érguete, desenvolverán un programa de información e sensibilización para evitar o consumo de drogas e alcohol así como previr posibles agresións sexuais neste acto festivo.
Con todo, dende AER van máis aló e poñen sobre a mesa 18 medidas que buscan desvincular esta cita da idea de “macrofesta” e de “vía libre ao botellón”, entre as que inclúen eliminar o concerto do aparcadoiro da Alameda, ampliar as actividades de rúa e as dirixidas ao público xuvenil e infantil, comezar as actividades dende a mañá e un maior control da venda de alcol.
Propostas que previsiblemente abordaranse no próximo pleno municipal correspondente a este mes de xullo.