A praza da Casa da Torre acolle esta noite a partir das 21:00 horas un concerto do gaiteiro Óscar Ibáñez acompañado da súa banda Tribo, que agrupa a músicos de ampla traxectoria no panorama folk galego como Harry Price ou Paco Dicenta. Unha actuación de balde que chegará precedida pola lectura dun bando institucional a cargo do alcalde, Javier Bas.
Unha actividade organizada dende o departamento de Normalización Lingüística que pretende celebrar o Día Nacional de Galicia coa música máis nosa. Escoitarase unha proposta de mestizaxe moderno e innovador no que predomina a sonoridade celta.