O Berete Rock celebra este sábado 4 de agosto a súa sétima edición e faino cun cartel cargado de música potente: Mostrencos, Radio Zapa, You Dog, Stoned At Pompeii e Frying Luras ofrecerán o mellor do seu repertorio nunha cita que arrancará ás 21:30 horas no paseo de Cardona en Arealonga. Como novidade o cuarteto vigués Stoned at Pompeil aproveitará a súa actuación para gravar un videoclip.
Concertos completamente de balde e cargados de decibelios é o que nos propoñen dende a Asociación Berete Rock, organizadora do evento musical desta fin de semana en Chapela. O pop rock dos Mostrencos, a contundente posta en escena do grupo vigués Frying Luras ou o percorrido polo rock dende os 70 ata a actualidade que nos propoñen dende Radio Zapa complétase co poderoso directo de You Dog que nos achega ao rock dos 90. Pechan o cartel os tamén vigueses Stoned at Pompeil , un grupo que vén de actuar no Resurrection Fest e que aproveitará a súa presenza no festival de Arealonga para grava un videoclip. Unha música potente e rockeira que non desanima aos público familiar que adoita ser o que se achega a estes concertos “sobre todo a primeira hora hai público de todas as idades e familias con nenos”. Un espectador que vai variando ao longo da noite, xa que os concertos prolónganse ata as catro da madrugada.