Redondela anima aos milleiros de persoas que este sábado se acheguen á vila a participar na festa “con moita diversión e cero alcol”. O Concello incrementará a vixilancia nos puntos de venta para evitar o consumo de alcol por parte de menores, e tamén se identificará aos que participen nos botellóns. Ademais instalaranse tres puntos de información e asesoramento para evitar de violencia machista.
O Entroido de Verán 2018 de Redondela celebra este ano a súa 21º edición. Como cada ano haberá unha ampla programación para público infantil, xuvenil e adulto en diferentes puntos da vila, animación polas rúas, Sesión DJ, a VIII Gala Drag Queen e concertos. Pero ademais dunha ampla oferta festiva, o Concello quere dar un paso máis. A cita congrega cada ano en Redondela a máis de 25.000 persoas, e iso xera tamén problemas para a veciñanza. A acumulación de lixo e as condutas incívicas derivadas dun consumo excesivo de alcol son constantes nos últimos anos.Por iso o goberno local pon en macha nesta edición a campaña “Redondela 0,0” na que convidan á mocidade a gozar desta festa “con cero botellón, cero drogas, cero vandalismo e cero machismo”. O alcalde, Javier Bas, entende que os visitantes deben concienciarse para divertirse dun xeito diferente. Entende que os menores non deben acudir ao Entroido de Verán “co único ánimo de beber alcol” e as autoridades inensificarán o control nos supermercados e locais para evitar a venda de alcol a menores de idade, con sancións para os que incumpran a normativa. Tamén se realizarán controis de alcolemia para evitar que as persoas baixo os efectos do alcol se poñan ao volante, e recomendan o uso do transporte público. A policía tamén identificará aos menores que participen nos botellóns, e contactará cos seus pais. A organización do evento fai un chamamento para que as familias ” se mentalicen”e promovan os hábitos saudables entre os rapaces. Cero violencia machista A concelleira de Igualdade, Teresa París, tamén destacou o esforzo realizado este ano por parte da organización para evitar as agresións machistas. Haerá tres “Puntos Morados” de información e asesoramento para casos de violencia de xénero. Un estará facilitado pola Secretaria Xeral de Igualdade para a prevención de agresións sexuais, e haberá dous puntos máis de información instalados polo Concello. Un deles contará cunha psicóloga e unha técnica de xénero vinculadas ao hospital de campaña, e o terceiro será por medio da Asociación Erguete, dentro da campaña “Tolerancia 0 coa Violencia Machista”.