As mellores traiñeiras de Galicia disputan mañán a XXXII Bandeira de Redondela en Chapela. O paseo de Cardona acollerá, ás 17.30 horas, unha das últimas regatas da Liga Galega de Traiñeiras “A”, na que están empatados a puntos na cabeza da táboa Meira e Ares.
Tamén haberá emoción na parte baixa da táboa, porque se ben o C.R. De Chapela, organizadores da proba, xa están descendidos á LGT “B” para a próxima temporada, aínda están pelexando pola permanencia Coruxo e Castropol. Unha regata polo tanto “espectacular”, segundo o presidente do club redondelán, Julio Prado. Á privilexiada paisaxe desta regata únese a emoción polo título de campión, que está en xogo nesta recta final da liga. O domingo disputarán a IV Bandeira Illa Samertolameu, no porto de Meira. Mañá sábado, na XXXI Bandeira de Traiñas Concello de Redondela haberá tres quendas, cada unha con catro balizas. As embarcacións farán catro longos e tres ciabogas ata completar un percorrido de máis de 5.500 metros. Prado confía en que sexa “un gran espectáculo para o remo galego”. En canto á situación do club, lamenta a mala temporada “na que os resultados foron moito peores do que agardaban”. O presidente do C.R. Chapela sinala que as baixas que se deron no equipo esta temporada “pasaron factura”, pero confía en facer un bo papel para o próximo ano na LGT “B” e acadar o ascenso de novo á primeira división do remo galego. Nas próximas semanas o club terá que decidir que sustituirá na dirección técnica a Marco Antonio Castelao, cuxa saída está xa decicida.