O grupo municipal socialista critica que o goberno local só estableza un día á semana para dar información aos veciños, e advirte que a oficina está “saturada”. A partires de mañá mércores abrirán a súa sede, na praza de Figueroa, para asesorar á cidadanía sobre o plan urbanístico.
Sinalan que moitos veciños se achegaron ao grupo municipal socialista para trasladar as súas queixas “sobre a falta de información do PXOM” xa que o goberno municipal do PP “só pon á disposición da veciñanza a mañá dos martes para consultas e información sobre o PXOM”. Advirten que previamente é necesario solicitar cita “e xa non se dan por parte do organismo de goberno, pese a que queda moi pouco tempo do prazo de suxerencias e o inicio das alegacións”, denuncian os socialistas. Explican que recibiron queixas dos veciños logo de que no Concello os instaran a facer os trámites por internet “cando non toda a cidadanía ten a capacidade de manexar esas ferramentas”. Para os socialistas está “falta de accesibilidade” demostra a intención “oscurantista” do PP de Redondela. Lembran que é a mesma liña que seguiron no caso do “catastrazo”, cando incupriron o acordo de poñer unha oficina de información para os veciños sobre a revisión do catastro. Desde o PSdG redondelán decidiron facilitar as xestións aos cidadáns que queiran consultar o PXOM ou facer posibles suxerencias sobre o plan urbanístico. Para iso abrirán a súa sede, no número 10 da praza de Figueroa, a partir de mañá mércores, en horario de 19.00 a 21.00 horas. Estarán todos os luns, mércores e venres.