O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu ao Goberno que se analicen todas as opcións para garantir a auga á Area Metropolitana. Segundo o rexedor as alternativas pasan por ampliar a presa de Eiras, en Fornelos de Montes, ou facer un novo encoro “na cola do actual”. Descarta o transvasamento do río Miño que propuxo a Xunta porque “non supón unha opción de máis calidade nin menor custo”.
Caballero reuniuse coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, á que lle trasladou o problema derivado da falta de auga na bisbarra. Caballero considera que as administracións “deben adiantarse ás consecuencias do cambio climático” e sinalou que as posibilidades para o abastecemento aos municipios de Redondela, Vigo e os outros oito da área “non só pasa pola proposta da Xunta cun transvasamento desde o Miño”. Entende o rexedor vigués que hai outras solucións “con mellor calidade de auga e menor custo”. Entre as alternativas que propuxo a Ribera están unha ampliación da presa de Eiras, ou un encoro novo na zona interior do monte “á cola da presa actual”. Caballero defende que un encoro que abastece a medio millón de habitantes, ou ata 700.000 tendo en conta a industria, “non pode estar en risco de desabastecemento como aconteceu a finais do pasado ano”.