A nova agrupación nace co obxectivo de fomentar acordos entre forzas de esquerdas, para poder levar adiante políticas sociais que redunden nunha redistribución da riqueza e unha maior calidade de vida das persoas. En Redondela tentarán chegar a pactos con outros partidos de esquerdas antes das eleccións municipais do próximo ano.
Este mes de agosto constituise a agrupación Redondela Actúa, dentro do espazo Actúa do que son promotores Baltasar Garzón ou Gaspar Llamazares, entre outros. Carlos Armada, voceiro de Xuntos Actúa a nivel galego, é tamén o voceiro municipal da agrupación redondelá. O seu primeiro obxectivo será coordinar reunións con outros grupos da esquerda redondelá, para tentar alcanzar acordos de unidade popular “ao estilo da esquerda portuguesa”. Armada ve posible establecer unha coalición co BNG, Redondela Pode e AER de cara ás eleccións municipais do próximo ano. O coordinador da formación deixa fóra dese posible pacto ao PSdG-PSOE ao entender que aos socialistas “non lles interesa, sobre todo agora que o PSOE está no goberno central”. Armada amósase optimista a este respecto, entende que hai tempo suficiente para poder chegar a acordos “xa que son máis as cousas que os unen que as que os separan”. Gustaríalle contar “con cantos máis, mellor” para facer posible un goberno alternativo de esquerdas en Redondela. Explica que en todo caso sería unha coalición na que cada formación política mantería “a súa identidade propia” para evitar “experimentos” como o das Mareas. No caso de non poder establecer pactos preelectorais, non descarta chegar a acordos despois dos comicios “en función dos resultados electorais”. En canto ás súas propostas para Redondela, Armada explica que antes de elaborar un programa electoral falarán coa cidadanía. A súa intención é reunirse con asociacións de veciños, colectivos sociais e culturais das diferentes parroquias para coñecer “cales son as súas necesidades e demandas”. Entende que non hai “pócimas máxicas” e que os veciños son os que mellor coñecen os problemas de cada parroquia, “que serán diferentes en Chapela, Cesantes ou Vilar”. Candidaturas nos Concellos Consciente de que a fragmentación dos partidos de esquerda pode restarlles representación por mor da lei electoral, Xuntos Actúa aínda non confirma a súa candidatura en todos os municipios. Armada, ex membro de Podemos, afirma que no caso de non concorrer con garantías “ou prexudicar os resultados do conxunto da esquerda” desistirán de presentarse ás eleccións de maio de 2019 e agardarán aos próximos comicios. No caso de Redondela aínda non poden garantir a súa candidatura, e traballarán por unha coalición de esquerdas. Desde Actúa promoverán frontes populares e acordos, similares aos de Portugal ou Uruguai. O seu proxecto está baseado no municipalismo, e a nivel estatal a formación ten unha estrutura federalista.